jueves, 15 de mayo de 2008

Falece Xosé Carlos Gómez Alfaro

O mércores 14 de maio faleceu Xosé Carlos Gómez Alfaro, poeta e mestre dos PP. Somascos de A Guarda. Foi precisamente Alfaro un dos máis recoñecidos e queridos persoeiros no mundo do ensino e as letras, tanto no Baixo Miño como xa no territorio galego. Sumámonos como alumnos rosaleiros seus que fomos, á dor da súa familia. Descanse en paz.

X. C. GÓMEZ ALFARO.
A MODO DE AUTOBIOGRAFÍA

Declaro que nacín na matria de don Eladio o mesmo ano no que el falecía, e que O Ribeiro está omnipresente, a través dun léxico toponímico, paisaxístico e vitivinícola, na miña poesía. Fillo de labregos e emigrantes a Europa, souben de podas, rodrigas, sulfataduras, cavas, rendas e vendimas denantes de ingresar no Seminario de Ourense e despois. Non quixen ser cura, pero ó seminario débolle moito: alí xurdiu esta ardente vocación poética. Antes de estudar Xeografía e Historia en Compostela, pasei, naqueles anos de negrura, polo colexio Cardenal Cisneros –onde coñecín o humildoso e paternal
“Xocas”- e mais polo Instituto masculino coma un rapaz aplicado e soñador que non paraba de escribir, de tal maneira que en 1969 verá publicado o seu primeiro poemario, De rodillas, na editorial CLA de Bilbao, un texto relixioso, escrito en castelán por temer non empregar un galego culto, aínda que o galego fose xa daquela a miña lingua de instalación. Rematada a carreira –Santiago foi fogar de instrución e creación-, fixen o servizo militar obrigatorio, malia ser obxector, casei no ribeirao Sadurnín e viñen parar á Guarda (Pontevedra) en 1978 como profesor de ensino medio do colexio Padres Somascos. Non podería negar nunca que A Guarda é a miña segunda matria. Sábeno ben estes ares, estes sales e estes ceos que tanto teño cantado. Nela foi procreado e viviu o meu fillo Carlos ata os oito aniños. Nela levo –levamos, ¿non si, Rosa Berta?- algo máis dun cuarto de século impartindo docencia, lendo ou devorando a Rosalía, Curros, Pondal, Cabanillas, Amado Carballo, Manuel Antonio, Pimentel, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Álvaro Cunqueiro, Iglesia Alvariño, Díaz Castro, San Juan de la Cruz, Lope de Vega, Góngora, Unamuno, J. Ramón Jiménez, Antonio Machado, García Lorca, Vicente Aleixandre, Dámaso Alonso, Gerardo Diego, Pedro Salinas, Jorge Guillén, Alberti, Neruda, Miguel Hernández, Blas de Otero, José Ángel Valente...; nela, algo máis dun cuarto de século empapándome no seu mar e escribindo pouco, pero corrixindo, traballando a palabra, moito, segundo o profesor, ensaísta e académico Xesús Alonso Montero, alleo a modas e círculos literarios, procurando non causar ruído para non molestar a ninguén. Foi a dor pola morte de quen máis amaba o que me fixo saír do anonimato, rebentar. E desde 1996 comecei a publicar as miñas coitas sincera e timidamente, coma un francotirador, afirmou o poeta, narrador, crítico literario e ensaísta Vicente Araguas. E aquí sigo, nesta ínsula literaria, lonxe de toda publicidade e promoción, cal insignificante oleiro da linguaxe, tanxendo as diferentes cordas do meu laúde clásico: elexíaca en As labaradas da lembranza (1996), Os ciclóns do sino (1997), Alba plena do alén (1997), Pasos cara á alba (2000) e Mar aberto (2006); social en Matria da néboa (1997); relixiosa en Ofertorio de solpores (1999) e Confíteor (2005), e amorosa en Alén do lume (2002) e O clamor da eclipse (2004).