domingo, 31 de agosto de 2008

OS MUÍÑOS DO FOLÓN E PICÓN NA VILA DO ROSAL. A SÚA RUTA, A SÚA HISTORIA

Carreira ou ringleira da Cereixeira coa fervenza de fondo (outubro, 2006). Foto J.R.

O conxunto histórico-etnográfico dos Muíños do Folón e Picón atópase no monte denominado “Campo do Couto”, na apacible e fértil vila de O Rosal (Pontevedra). Este complexo industrial o forman 67 muíños hidráulicos. Divididos en dúas vertentes (36 muíños polo Folón e 31 polo Picón) a súa disposición resulta un encuadre único no mundo. Os 22 muíños do sector superior do Folón, construídos en forma de escaleira para aproveitar o paso da auga de uns a outros e aumentar a súa forza motriz, é sen dúbida un maxestuoso e agradable impacto visual.
Os Muíños do Folón e Picón foron declarados en 1998 pola Xunta de Galicia, Ben de Interese Cultural (BIC), concedéndoselle o Premio Agader ao embelecento do medio rural no ano 2003. Recentemente a Federación Galega de Montañismo homologou a súa ruta de sendeirismo co nome de PR-G 94.
Apréciase, polo tanto, co paso dos anos, unha progresiva afluencia en canto ao número de visitantes que deciden achegarse a contemplar in situ este –de aquela- “polígono industrial” e agora punto de referencia turístico na comarca do Baixo Miño.
Quen opte por un turismo alternativo ao sol-praia, sen dúbida disfrutará dun placenteiro paseo pola natureza, sumerxíndose á súa vez, nas profundas raíces históricas galegas. En verdade, o percorrido por estes muíños dos séculos XVII-XVIII resulta extraordinario, nun marco de incomparable beleza, en pleno Val do Rosal.
Construídos polos veciños máis pudientes do lugar, e como historicamente se puido comprobar, sen dependencia algunha dos monxes do mosteiro cisterciense de Santa María de Oia. Os Muíños de Folón e Picón convertíronse naqueles tempos nun singular punto de encontro dos habitantes da zona. O duro traballo que ocasionaban estes muíños –pero indispensable substento para o consumo humano e animal- e os seus longos procesos de moenda, deron lugar ao baile folclórico galego máis coñecido: a “muiñeira”.
Dende o Concello do Rosal e tamén pola miña parte, ofrécese a posibilidade de realizar rutas guiadas de sendeirismo polos muíños. A ruta, que é circular (pódese comezar tanto en dirección Folón como Picón) ten unha distancia de 3’5 km, cun tempo de realización de preto de hora e media.
En primeiro lugar, para os que se decidan por esta opción e se hai suficiente forza de auga, faise unha demostración de moenda no primeiro muíño do Folón (Muíño das Laxes), acondicionado á vez como Oficina de Información Turística.
Despois de admirar a conversión do millo en fariña, procédese normalmente a comezar a subida pola vertente do Folón. Lémbraselle aos visitantes que estes muíños están cedidos polos seus propietarios durante 25 anos ao Concello do Rosal para explotación turística. A chegada do millo americano a Galicia nos séculos XVI-XVII foi a causa fundamental da construción de tanto muíño (só no municipio rosalés existen inventariados preto de 100).
Unha característica fundamental na maioría dos muíños é que amosan diferentes gravados, tanto na parte exterior (fachada, xambas, dinteis) como na interior (nas rodas de moer, paredes...) Así, cruces (para espantar ás “meigas”), iniciais de apelidos, de nomes de propietarios ou datas as observaremos ao longo de todo o percorrido.
Precisamente o muíño máis antigo con data inscrita é de 1715, sendo o número 16 do Folón, lugar onde comezaremos a ascensión pola “carreira” ou “ringleira” de Martín (disposición de muíños en forma de escaleira). Remataremos o percorrido por Folón subindo pola outra “carreira”, a da Cereixeira. Unha vez arriba, no máis alto, teremos un espectáculo grandioso, unha excepcional panorámica cara Portugal e a desembocadura do Miño.
Antes de proceder ao descenso polo Picón, deterémonos nos cinco artefactos muiñeiros do Nivel, para observar alí unha pedra, clave á hora de zanxar o conflito entre os veciños (de Folón e Picón) polo control e a distribución da auga. Temos que lembrar que durante toda a ruta se poden admirar estupendas pozas e belas cascadas naturais, con pontes de madeira construídas recentemente e de forma estratéxica para acceder a determinados puntos do percorrido.
Baixando xa pola vertente do Picón, observamos a outra serie de muíños, rodeada polo “Camiño dos Frades” (o antigo camiño por onde accedían os monxes de Santa María de Oia para chegar ao seu mosteiro) ou tamén denominado “Camiño do Carro”, por onde estes subían para transportar tanto o toxo, o millo ou a fariña. Por tal motivo se poden ver claramente as impresionantes pegadas-sucos que co paso do tempo deixaron aquelas rodas. Cada 11 de novembro discurre por esta vía a romaría de San Martiño, con capela no citado Campo do Couto.
Unha ruta que sen dúbida, para os amantes da natureza e o sendeirismo, da historia e a cultura populares non lles defraudará. É máis, nos atreveríamos a dicir que os Muíños do Folón e Picón, en verdade, lles conquistarán.

Juan Ramón Martínez Barbosa ©

Texto traducido ao galego do artigo da súa autoría extraído da revista En el Punto de A Guarda (http://noticiasorosal.blogspot.com/2008/08/en-el-punto-de-guarda-unha-novidosa.html)