jueves, 11 de octubre de 2012

ÁNGEL MARTÍNEZ GONZÁLEZ, "LITO O TEIXA", SEMPRE TE LEMBRAREMOS NOS NOSOS CORAZÓNS NA FESTA DO CABAQUEIRO




Foise Ángel Martínez González. Foise Lito. Foise "O Teixa". Foise o meu padriño. Ata logo, "Tío Lito".

Lembrareite e lembrarémoste sempre, eternamente. E máis, na Festa do Cabaqueiro, porque te fuches nas vésperas, en concreto o mércores 10 de outubro. 

Onte, xoves despedimos ao meu tío Lito. De maneira inesperada faleceu no Rosal, en plenas Festas na honra dos telleiros. Precisamente, aínda que poucas e xa na última etapa deste oficio, foi varias temporadas á cabaqueira.

Falando onte co meu pai (o seu irmán), lembraba que curiosamente cando se pensou na creación do Museo Municipal do Rosal e na Sección da Cabaqueira, alá por comezos dos anos 80, Lito foi un dos primeiros que se animou e que fixo doazóns de tellas, entre elas, algunha co seu nome gravado. 

O que é a vida. Hoxe, tanto meu pai como eu, coa nosa tarefa de relatores desta celebración, tributarémoslle particularmente unha pequena homenaxe na Praza do Calvario e seguiremos o programa cultural previsto do "Cabaqueiro". Con dor na alma pero con ledicia tamén por saber que se alguén ten que ir a unha vida mellor ese é, sen dúbida, Lito.

Na súa honra intentaremos dar o mellor de nós para que sexa do voso agrado, tanto o acto de entrega de premios do IV Campionato de Futbolín Os Cabaqueiros como a XXV edición da Festa do Cabaqueiro, coa súa tradicional demostración de "taxicar cabacas e toupos a joucha".

Unha forte aperta de toda a túa familia. Sempre estarás nos nosos corazóns. 

Ata logo, Tío Lito.