jueves, 23 de mayo de 2013

HOMENAXE A TRINTIÑA, CONFERENCIA E DEMOSTRACIÓN CABAQUEIRA, EN GOIÁN



O martes 14 de maio fun convidado ao C.E.I.P. Pintor Antonio Fernández de Goián (Tomiño) con motivo da homenaxe que o colexio lle tributou a Manuel Rodríguez Martínez "O Trintiña", mestre cabaqueiro do Rosal, que faleceu recentemente.



O acto, que estivo coordinado polo profesorado do centro e polo historiador Xosé Lois Vilar Pedreira, contou coa intervención de dous cabaqueiros, José Álvarez (Buraco) e Juan Pérez, que se encargaron de ensinarlle aos rapaces e rapazas, a "teórica" e a "práctica" deste vello oficio artesanal.


Estiveron presentes nesta sentida homenaxe a Manuel "Trintiña" a súa muller Elisa, a súa nora María Rodríguez e un dos seus netos, Sergio Rodríguez.


Coa figura sempre presente de Trintiña, Buraco tomou a palabra lembrando a este telleiro do Rosal, que segundo afirmou "era un gran cabaqueiro, dedicábase a ir por feiras medievais de Galicia,  por colexios, etc e non dubidaba en mostrar ao mundo o seu oficio, na televisión, na prensa, etc, para que non se acabara".


Alumnos e profesores disfrutaron desta maneira en Goián da demostración do lasqueo de cabacas e toupos a joucha (traballo de facer tellas e ladrillos a man), mentres se explicaban a denominación das distintas pezas ou das diferentes técnicas que cada oficial ou tendedor empregaban para facer case 2500 tellas diarias.


Dende aquí o meu agradecemento á familia do finado amigo "Trintiña", que aínda que xa non esté en corpo presente, a súa alma sempre estará con nós.



Por suposto, nesta XXVI edición da Festa do Cabaqueiro 2013 dende O Rosal dedicarémoslle a nosa particular homenaxe á súa  inesquecible figura.


P.D.: Sempre lembrarei con emoción e cariño a primeira entrevista que lle realicei a Manuel "Trintiña" o 5 de xuño de 2008, que serviu para inaugurar esa sección en Noticias O Rosal. ¡¡Que GRANDE!!