jueves, 18 de julio de 2013

VISITA ÁS ESCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS DA VILA E NECRÓPOLE ROMANA DE CURRÁS



Este xoves 18 de xullo visitamos o xacemento arqueolóxico romano de Currás (Tomiño-Pontevedra), sen dúbida, un dos máis importantes da comarca do Baixo Miño.


Na actualidade, estase acometendo un proxecto de "recuperación e posta en valor, que xurde no verán de 2013 e está coordinado dende o Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo baixo o patrocinio e colaboración do Concello de Tomiño e a Comunidade de Montes de Currás".


Lembramos que esta vila e necrópole foi descuberta en 1972 polo Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño, integrado por Jesús Gómez Sobrino, Aquilino González Santiso (ambos xa falecidos) e o único "supervivente" hoxe en día, Xoán Martínez Tamuxe.


O equipo técnico que dirixe esta curta campaña arqueolóxica de xullo de 2013 en Currás está formado -entre outros- por Fermín E. Pérez Losada, Silvia González Soutelo, Martiño Xosé Vázquez Mato, Patricia Valle Abad, Begoña Garrido Labrador e Natalia Caparrini Marín.


O obxectivo desta intervención é a localización das antigas ruinas que se descubriron en 1972 para nun futuro seguir con novas campañas e coñecer tanto a extensión como novo material que facilite a datación desta vila e necrópole romana.

Velaquí vos deixo unha pequena reportaxe fotográfica desta visita.