martes, 24 de septiembre de 2013

NOVAS ACTIVIDADES DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG)




O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo comeza hoxe martes, 24 de setembro, ás 18:00 horas, na Aula D do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartirán este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa.

O curso, que se estenderá até o 17 de decembro baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral, e cuxas 25 prazas foron totalmente cubertas, abordará ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos-as creadores-as e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.

Por outra banda, o vindeiro xoves 26 de setembro comeza o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, este ano co lema Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, conversarán sobre a súa relación coa posmodernidade Alberto Lema e Samuel Solleiro, nunha mesa titulada Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados.