martes, 1 de diciembre de 2015

A todos os nenos e as nenas que falan galego

Xosé Neira Vilas. (Foto: Fundación X.N.V.)

O pasado venres 27 de novembro os medios de comunicación anunciaban a triste noticia do pasamento do escritor Xosé Neira Vilas na súa casa de Gres (Vila de Cruces-Pontevedra) aos 87 anos. Que esta humilde entrada sexa unha pequena homenaxe na honra deste -como el se definía- "activista permanente da nosa cultura e da nosa identidade".


Coñecín ao autor de Memorias dun neno labrego -o libro máis lido da literatura galega- en Guitiriz (Lugo), concretamente en agosto de 2012, durante o "XXXIII Festival de Pardiñas. Feira e Festa da Música e da Arte", organizado pola Asociación Cultural Xermolos e considerado de Interese Turístico Galego.


Lembro aquelas interesantes e case que incribles conversacións (falábamos en galego) con Tadashi Yamamoto, antropólogo e catedrático da Universidade de Tenri, en Nara (Xapón), que se atopaba traducindo ao nipón o best seller de Neira Vilas (na imaxe co amigo filósofo Luis Paz e co noso gran anfitrión en Pardiñas, Esteban Varela).

Como esquecer, igualmente, aquela carta que enviou nos 90 dende a súa Fundación falando sobre a Festa do Cabaqueiro, tras enviarlle algunhas Memorias, onde afirmaba: "moi interesante toda a información que ofrece, a linguaxe gremial, o monumento, o museo, as festas, a información gráfica. Realmente unha tradición moi valiosa e moi identificada coa comarca". (En breve, escribirei máis extensamente deste tema).



Ata logo e graciñas por todo, Neira Vilas, "o xornaleiro das letras". Síntome, sobre todo co paso dos anos, partícipe e orgulloso da súa dedicatoria en Memorias dun neno labrego: “A todos os nenos e a todas as nenas que falan galego”.

Como ben dixo o seu vello amigo, Alfonso Blanco Torrado (ao micro, na imaxe): «lendo a Neira Vilas sentimos esa luz, esa lumeirada, esa paixón coa que viviu Pepe e na que segue vivindo e que nos segue axudando a seguir soñando co futuro do noso país».