martes, 29 de diciembre de 2015

Galicia vibra coas vellas glorias do Atlético Novás

Fotografías: J. Carlos Gil Domínguez / Juan Ramón Martínez

A data do 26 de decembro de 2015 a bo seguro quedará gravada na mente e corazón da maioría dos afeccionados ao balonmán que ateigaron a pasada fin de semana o pavillón municipal do Rosal. Non en van, o deporte do handball é "O Rei" a nivel equipo na vila baixomiñota.


A selección de Marruecos xunto con directivos do Novás, autoridades do Rosal e Galicia

O Atlético Novás celebraba nada máis e nada menos que o seu 40 aniversario co evento "All Star Game" un auténtico espectáculo que incluíu, xa de mañá, un torneo das categorías base do club.



Pola tarde, comezou este festexo co encontro dos "Héroes do ascenso a DHB 2003 vs Combinado galego de veteráns". 



Unha auténtica gozada para o público de toda Galicia -que vibrou como nunca- ver de novo na cancha rosaleira a míticos xogadores do Novás como Nikolai Tsibanev, Jimmy, Esteban Pedrosa, Pope, Jacobo, Mon... e por suposto, non digamos xa disfrutar da calidade -entre outros- do actual adestrador Jota ou do gran Rafa Dasilva.



A primeira edición do concurso de goles espectaculares tivo como gañador a Edu Moledo (S.D. Teucro), cunha pirueta e un xiro de 360º que encandilaron ao xurado. Mención especial para a actuación de Paulo Dacosta (Frigoríficos Cangas) e como non, o golazo de Víctor Armán (teño que confesar que a emoción me embargou mentres comentaba esa sublime xogada). 



O capitán do equipo rosaleiro transformou o impresionante lanzamento caracterizado como o seu pai Manolo Armán Flores "O Gorras", vella e viva gloria do Novás, homenaxeando desta sentida maneira tanto a clásica xogada como a persoa do seu proxenitor. (VÍDEO DO GOL DE VÍCTOR ARMÁN).



Esta exhibición, xunto coa actuación do grupo de baile Xamaraina, que dirixe Elena Baz Rodríguez, foron o preámbulo ao prato forte da xornada, o encontro Galicia vs Marruecos.


A selección marroquí, "Os Leóns do Atlas", -3ª clasificada no Campionato de África (2006) e con seis participacións nos Mundiais de balonmán- foi unha digna rival da escuadra galega. 14-14 ao remate dos primeiros 30 minutos, para finalmente caer 30-24 a prol dos nosos.


Destacar a presenza na selección de Galicia dos rosaleiros Xavi Díaz (Valladolid) e Paulo Dacosta (Cangas), que foron elixidos para este partido polos adestradores Víctor García "Pillo" e Quique Domínguez.



Pola miña parte só me queda agradecer ao Acanor Atlético Novás que preside Andrés Senra a súa deferencia comigo por convidarme a ser o speaker deste histórico evento. Graciñas tamén dende aquí a Moncho Vicente, a Dani Martínez, a Roberto Fernández "Campelo" e demais membros do club.



¡Parabéns a todos e noraboa polo éxito de organización deste 40 aniversario... e a por outros tantos!